Tuesday 14 de May de 2024

Susana García clausura o Curso de Habilidades Sociais e garante a súa continuidade


A edil de Benestar Social de Ordes fixo entrega dos diplomas no último día de curso e tomou nota de suxestións de cara ao vindeiro ano

Esta mañá o Concello de Ordes clausurou o Curso de Habilidades Sociais, no cal participan máis de dez persoas. Susana García, edil de Benestar Social, non deixou pasar por alto a oportunidade de desexarlles a os usuarios e usuarias “unhas felices vacacións de verán”. Tamén aproveitou o momento para intercambiar impresións e escoitar suxestións de cara ao vindeiro curso. O encontro tivo lugar na nova aula que o Concello acondicionou recentemente en Mesón do Vento, e nel se lles entregou un diploma e unha bolsa con distintos agasallos.

García felicitounos “polos bos resultados acadados tras o esforzo feito nestes últimos nove meses”. De feito ao longo da mañá tanto a concelleira como os técnicos de seu departamento puideron ver moitos dos traballos manuais e didácticos realizados neste curso. Tamén lles asegurou que en setembro volverán a verse na inauguración do que será un novo curso, “xa que a continuidade desta iniciativa formativa e social está garantida e é un compromiso firme por parte do Concello de Ordes, e máis concretamente por parte da miña área”, avanzou. Grazas a este curso todos os asistentes teñen a posibilidade de ampliar os seus coñecementos e de aumentar o seu nivel de autonomía persoal para todo tipo de actividades cotiás. Á par ás súas familias suponlles poder dispoñer de tempo libre e xornadas de respiro.

Alumnos e alumnas sinalaron entre o máis destacable destes meses as saídas e excursións que, por primeira vez, se levaron a cabo. O acuario da Coruña, a Casa Grande de Xanceda ou o parque de bombeiros son lugares que están desexando volver a visitar. Tamén pediron volver a participar en iniciativas como as xornadas de teatro celebradas na casa da cultura co gallo do Día Internacional da Discapacidade, ou a instalación de postos de traballos manuais en citas tan sinaladas como a Feira do Lacón con Grelos ou ExpoOrdes.